mércores, 16 de novembro de 2022

ESTRATEXIA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL PARTICIPATIVO LEADER 2023 - 2027

 

No enfoque Leader é esencial que os grupos de acción local, que representen os intereses das comunidades locais, se encarguen do deseño e execución das estratexias de desenvolvemento local participativo, e poidan, así mesmo, desenvolver tarefas suplementarias delegadas pola autoridade de xestión ou o organismo pagador. As estratexias deben desenvolverse e apoiarse baixo a responsabilidade das autoridades de xestión e organismos intermediarios, que deben encargarse da selección das operacións que deben recibir apoio, ou participar na devandita selección. 

O 2 de xuño de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 105 o Acordo do Consello de Dirección de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 20 de abril de 2022, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027, cofinanciadas polo fondo Feader, e para a aprobación de estratexias de desenvolvemento local, así como a correspondente convocatoria, para as anualidades 2022 e 2023 (código de procedemento MR701F).

O artigo 20 das bases reguladoras que rexen a convocatoria pola que se seleccionan as estratexias e entidades colaboradoras para o período de programación 2023-2027, establece que, para que as organizacións candidatas opten a converterse en entidades colaboradoras da medida Leader de Galicia para o citado período 2023-2027, deberán ter presentada a documentación xustificativa da subvención conforme dispón o artigo 31 das citadas bases reguladoras. En concreto, o artigo 31.1 establece os seguintes prazos e condicións: 

– Tres meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución correspondente á selección da organización candidata, para a entrega dos documentos A, B, C, D, E, F e G do anexo C das bases reguladoras. A axuda máxima correspondente aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo para a elaboración destes documentos será do 75 % do total da axuda concedida, que se corresponderá co importe orzado para a anualidade 2022. 

– Dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución prevista no artigo 20.2 destas bases reguladoras, para a entrega dos documentos H e I do anexo C destas bases reguladoras. A axuda máxima correspondente aos gastos derivados das actuación levadas a cabo para a elaboración destes documentos será do 25 % do total da axuda concedida, que se corresponderá co importe previsto para a anualidade 2023. 

Neste sentido, cómpre sinalar que, unha vez aprobado o Plan estratéxico da PAC de España para o período de programación 2023-2027, e coa finalidade de que se achegue, por parte das organizacións candidatas que foron xa seleccionadas, a documentación correspondente aos puntos H e I do anexo C das bases reguladoras, así como das normas para a xestión da estratexia de desenvolvemento local (en particular, o plan de xestión e criterios de selección aplicables), plan de seguimento e plan financeiro do gasto público previsto, cómpre publicar a resolución prevista no artigo 20.2 das bases reguladoras, que debe ditar a persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por delegación do Consello de Dirección. 

Polo tanto, esta resolución, tendo en conta o contido do citado plan estratéxico, pretende establecer as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do programa Leader para o período 2023-2027, as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios correspondentes ás estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas. 

- Documento Base.

- Anexo do Epígrafe B. Diagnose

- Anexo do Epígrafe C. Avaliación

- Anexo do Epígrafe C.6 Avaliación Medio Ambiente

- Anexo do Epígrafe C.6 Avaliación do Plan Alimentario

- Anexo do Epígrafe C.6 Avaliación do Turismo

- Anexo do Epígrafe D. Novo Marco Normativo

- Anexo do Epígrafe E. Análise de Xestión de Terras

- Anexo do Epígrafe F. Coordinación de Estratexias

- Anexo do Epígrafe G. Proposta de Proxectos Piloto




Ningún comentario:

Publicar un comentario